Saturday 04 de May de 2024

“Quedamos de tapas” en Fene



A Concellería de Promoción Económica ven de lanzar unha nova aplicación para móbiles como complemento do X Concurso de Tapas que se está a desenvolver no Concello de Fene até o vindeiro 28 de maio

A nova app, dispoñible tanto para sistemas Android como IOS, denomínase “Quedamos de tapas” e permite aos clientes participantes acceder á información sobre as tapas que concursan (ingredientes, imaxes…) e xeolocalizar no mapa o local que as sirve. Ademais, a través de “Quedamos de tapas”, tamén se poden consultar as bases do concurso, os colaboradores que patrocinan os premios, as novas do evento, e mesmo valorar as tapas, aínda que non votalas.

As persoas que queiran descargar a nova aplicación do X Concurso de Tapas de Fene poderán facelo escaneando o código QR que se atopa nos carteis e folletos do concurso.

Segundo informan dende a Concellería de Promoción Económica, esta nova edición do concurso de tapas está acadando un notable éxito. Según se desprende dos datos que a organización vai recollendo da app “Quedamos de Tapas”, a estas alturas do concurso e a través da nova app, as tapas foron vistas máis de 3200 veces e os locais participantes recibiron máis de 400 visitas.

Por outro lado, dentro do plan de promoción do turismo que o Concello de Fene está a desenvolver na actualidade, lémbrase que na web “turismo.fene.gal”, subvencionada pola Deputación da Coruña, poden consultarse as actividades de interese turístico que as entidades municipais públicas ou privadas realizan en Fene ao longo do ano. A páxina está operativa en galego, castelán e inglés.